Manuel Portas (Barcelona, 1960), arousán por ascendencia paterna e compostelán por adopción, é profesor de lingua e literatura no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago. Colaborou en diferentes obras didácticas e en publicacións de carácter pedagóxico, así como en xornais e revistas do país. A súa dedicación á análise social e á promoción do idioma, levouno a publicar Língua e sociedade na Galiza (1990), unha das obras de referencia obrigada na sociolingüística galega. Participou en política e formou parte do goberno municipal de Santiago ao longo de dous mandatos. Deuse a coñecer como novelista no ano 2010, con Denso recendo a salgado (Xerais). En 2011 publicou Un dedo manchado de tinta (Xerais) á que seguiu en 2013 Faneca brava (Xerais), finalista do Premio Xerais de Novela. Amor en alpargatas (Xerais, 2015) é a súa cuarta novela.