Unha ducia de relatos forman esta primeira entrega de Agustín Agra en Xerais Narrativa, que se abre coa narración da irremediable metamorfose, que tras a subida das augas, converte ás protagonistas de A tarasca, de forma sucesiva en cobras, serpes, serpentas, e, finalmente, en cocas ou tarascas voadoras; e que se pecha con Teseo no labirinto, onde se convocan os protagonistas mitoloxía clásica. Entremedias, en relatos como Os límites do inimaxinábel, Wünderbar ou O anel de Coleridge, a irrupción dun elemento fantástico inesperado axuda a explorar fronteiras descoñecidas da realidade; noutros, como Na caeira ou o Souto dos Gatos, homenaxéase de forma explícita á memoria republicana; mentres que, finalmente, no relato Xogando aos faraóns ou, na case noveliña, O chintófano, a sátira política e o humor máis retranqueiro centran toda atención dunha engaiolante lectura.