Decote pasan centos de historias polos mármores das tabernas, como pasan as constelacións sobre a cuberta dos barcos, dalgunhas quedan as pegadas, como as que deixa o acedo do viño, outras desaparecen namais pasarlle un pano. Na taberna OŽSalto do Can, Ponciano limpa as mesas cada maná, logo bota unha presa de serraduras polo chan, e despois busca no xornal os números da sorte. Bibián o perruqueiro soña con Fred Astaire, o cego Zacarías adiviña as cores, D. Ruperto, de Biscuit Antigüidades, gaba as delicatessen do metre cusinier, mentres a pantasma da señora de Fontá leva viño branco para guisar as pombas do xardín; Dorita quer se facer puta, o home do traxe gris fala con Poe. Peitoradas, o marqués de Ghataesfolada, Caruso e Fleta, a Serea dos Ollos Grandes, e ata un incerto Robert Taylor entraron un dia pola porta e quedaron para sempre; agora forman parte xa da moblaxe, como o reloxo de parede, o paraugueiro, a pirámide das cuncas, ou a loura do almanaque de Bodegas Prioriño que colga encima da caixa de farias, onde Ponciano garda as necrolóxicas. O Salto do Can constitúe a sorprendente e emocionante primeira novela de Jorge Llorca, a memoria de todo unha xeración ferrolá escrita nos mármores dunha taberna.