O ceo dos afogados
Castro, Francisco
11.01€ / 11.60€ Comprar libro
Todos os delfíns de todos os mares, todos os delfíns de todos os océanos, todos os delfíns de todo o planeta decidiron xuntarse á mesma hora no mesmo punto de todos os mares, de todos os océanos de todo o planeta para dende alí avanzar cara á costa. Ás seis horas xustas de ter iniciado aquela estraña peregrinación, como chamados por unha orde misteriosa, pararon, todos de súpeto e de vez. Os científicos amosáronse abraiados diante do silencio, absoluto, en que ficaron instalados os golfiños en cousa de poucos segundos. Todos calados. Coma mortos. Coma á espreita. Coma afogados. Desde aquel intre, as fotografías que foron ofrecendo os satélites e as imaxes emitidas polas canles de televisión sobre o fenómeno resultaron, primeiro sorprendentes e logo arrepiantes: centos de miles de golfiños configuraban círculos case perfectos repartidos por toda a xeografía marítima planetaria. Ninguén sabía explicar que estaba pasando. O ceo dos afogados, primeira novela de Francisco Castro na colección Fóra de Xogo e finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil, aborda -baixo a aparencia dunha novela de aventuras e intriga- a importante cuestión da comunicación dos seres humanos cos animais e o desenvolvemento sostible do planeta.
Características