Portada del libro Filosofía e ciudadanía. 1º. Bacharelato - ISBN: 9788448169978

Filosofía e ciudadanía. 1º. Bacharelato

Lozano

37.99€ / 40.00€ Comprar libro

Presentación «Unha viaxe de dúas mil leguas comeza co primeiro paso» Lao Tsé (século VI a. C.) Atende uns minutos, por favor: estámosche ofrecendo un texto de filosofía e cidadanía. Os nosos primeiros pensadores gregos atribuían grande importancia non só á filosofía, senón tamén á educación dos cidadáns e á súa participación activa na política. Probablemente, a publicación che impresione un pouco, pois o libro parece algo voluminoso e trátase dunha materia nova para ti. Pero non te inquietes demasiado, pois o teu profesor ou profesora che axudará e, seguindo as súas instrucións, percorrerás con ánimo as sendas das ideas e do pensamento. Isto quizais sexa o máis elevado e nobre de canto a humanidade concibiu. Sen embargo, o proxecto resultarache fácil, xa que case nada que valla a pena o é. Para facelo sinxelo e doado serve calquera, e ti sabes que ningunha persoa debe conformarse con ser «calquera». Pola contra, todo ser humano debe procurar ser el mesmo e, para iso, como podes supor, é necesario realizar algún que outro esforzo. Convidámosche, pois, a iniciar o itinerario da filosofía. Trátase dun camiño entretido e ameno, para o que resultará conveniente dispoñer dun tempero moral case tan elevado como o dos deportistas, que che permitirá acadar a liberdade e a responsabilidade. Imaxina aos ciclistas nunha carreira por etapas, como por exemplo, a volta a España. Xunto ás lánguidas e plácidas chairas polas que o pelotón marchará radiante e compracido, presentaranse tamén días agrios: vento, chuvia e outras inclemencias climáticas. Ás veces serán necesarias certas doses de coraxe e valentía para afrontar os temerarios descensos e, noutras ocasións, haberá de enfrontarse a empinadas estradas, nas que o ánimo, asfixiado pola fatiga e entumecido polo esforzo, reclamará alivio e empuxarao a reducir o ritmo. Mais o bo ciclista sabe resistir, superar os malos momentos e continuar xubiloso cara á meta. Presentámosche, pois, as trece etapas do noso libro, cuxo denominador común é a filosofía e a educación cidadá. Daraste conta de que no percorrido que trazamos vaise debuxando o desenvolvemento dunha actividade reflexiva e crítica que, a partir das achegas das ciencias e doutras disciplinas, presenta ante os teus ollos unha paisaxe acerca do que é o ser humano en todas as súas dimensións. Tras un primeiro contacto coas propostas éticas da ensinanza obrigatoria, tamén unidas á idea de cidadanía, inicias agora unha aproximación sistemática á filosofía e ao desenvolvemento da cidadanía ao longo da historia. O estudo das dúas grandes dimensións da racionalidade —a súa vertente teórica e a súa vertente práctica— deixa paso á consideración dos problemas e preguntas fundamentais que formulou a filosofía ao longo da súa historia. Observarás que todo o libro está impregnado desa razón práctica filosófica, con redobrados contidos éticos e políticos. A través de todos eles, vaise forxando a idea desa cidadanía crítica, libre, tolerante, solidaria, activa e democrática. Ao contrario que os ciclistas da nosa carreira, non estarás obrigado a percorrer todas as etapas, xa que o profesor ou profesora deseñará a ruta máis idónea para ti, seleccionarás os contidos máis axeitados ou que máis che interesen e subministrarache os avituallamentos necesarios. Pero, claro está, ti tamén terás que esforzarte. Nin o teu profesor ou profesora nin nós podemos pedalear por ti, polo que, en último termo, o verdadeiro traballo correrá da túa conta. Adiante, polo tanto! Animámosche a facer acopio de espírito deportivo, fincarte nos pedais e esforzarte con optimismo. E, se xorden dificultades e se che insinúa a tentación de desfalecer, eleva a vista e renova o ánimo, pois mirando cara ao alto descubrirás que a próxima chegada se atopa ao alcance da túa man. Os autores

Características